mércores, febreiro 23, 2011

Non os votes


(Imaxe recollida en http://cafetasblog.wordpress.com/)


A aprobación da Lei Sinde por parte de PSOE, PP e CIU provocou o movemento #nonosvotes en twitter. Aínda na convicción de que a Lei Sinde non vai servir de nada, e que pode traer máis problemas dos que xa existen, non é de extrañar que servise de última gota do vaso polo absurdo de lexislar sobre o que non se coñece en absoluto.

Este movemento de #nonosvotes é o resultado da fartura da clase política que nos toca sufrir nestes momentos. Só hai que ver o mapa do corruptómetro:


Ver Mapa de Corrupción por Partidos Políticos nun mapa máis grande

Este mapa está elaborado cos casos de corrupción que se están recollendo no corruptómetro, onde se pode consultar cada un dos casos recopilados. É un mapa tremendamente indicativo da aplastante realidade da clase política por completo nefasta.

O corruptómetro é unha máis das accións que se están a facer na wiki de nolesvotes.org, que parte da iniciativa nolesvotes.com iniciada en twitter.

Esta iniciativa tráeme algunhas preguntas sobre o funcionamento da democracia e dos mecanismos dos cidadáns para tentar incidir sobre a súa realidade política. Tamén sobre a influencia que pode ter nunhas eleccións municipais onde todo pode ser terxiversado. Cuestiono a idea de pedir que "non se vote" a determinados partidos cando o que di a lóxica sería plantear unha iniciativa política que se presentase ás eleccións.

Aínda con estas e outras preguntas a iniciativa gústame por ser simple, por concretar un principio (Lei Sinde) claro e porque neste sistema case bipartidista o que lles pode facer dano é precisamente que se faga trasvase de votos en contra dos principais partidos.

Paréceme incrible o desprecio dos partidos implicados nesta iniciativa por ser "cousa duns poucos internautas". Como se os internautas non foran cidadáns!

____________________________________________________

Deixo aquí, e subscribo, o manifesto NON OS VOTES

O próximo 22 de maio, os cidadáns españois están convocados ás urnas para votar aos seus representantes públicos en todos os concellos e nalgúns parlamentos autonómicos. Os representantes elixidos terán ao seu cargo a xestión de miles de millóns de euros durante un período de catro anos, razón máis que suficiente para extremar as precaucións dos votantes: ao longo dos últimos anos,o nivel de corrupción na política española disparouse de maneira alarmante en todo o arco parlamentario.

PSOE, PP e CiU son as tres formacións políticas que pactaron para resucitar a Lei Sinde no Senado, unha lei que permite censurar Internet por vía administrativa, sen unha intervención xudicial que garanta a tutela efectiva dos cidadáns. Ao xuíz que deba validar o peche estaralle vedado analizar o fondo do asunto, isto é, a vulneración de dereitos de propiedade intelectual ou a posibilidade de producir un prexuízo patrimonial por parte da páxina web cuxa clausura se solicite. A Lei Sinde crea un "burato libre de xuíces" onde a decisión é tomada por unha comisión administrativa nomeada polo goberno, para evitar o que ata o momento viña ocorrendo: que os xuíces non daban a razón ás reclamacións da industria dos contidos.

A Lei Sinde é ineficaz. Non aborda unha reforma integral da lexislación de propiedade intelectual, único camiño para favorecer a xusta retribución dos creadores e artistas no marco dunha sociedade de cultura dixital. Aínda así, e a pesar da oposición dunha parte importante da sociedade incluíndo creadores e artistasPSOE, PP e CiU votaron a favor dela. Pesaron máis as presións de gobernos estranxeiros e de grupos minoritarios que o interese social. Pero non todo é culpa dos nosos representantes: nós elixímolos, por acción ou omisión.

Desde Nolesvotes.com consideramos que PSOE, PP e CiU faltaron á súa principal obrigación coa cidadanía: defender a Constitución que xuraron ou prometeron acatar. A Lei Sinde somete Internet a unha lexislación excepcional, con grave diminución dos dereitos á liberdade de expresión e información e á tutela xudicial efectiva, posibilitando un maior control político da rede.

A túa decisión é importante. Non che pedimos o voto para ningún partido concreto, nin que votes en branco, nin que te absteñas, senón que te informes para comprobar que existen alternativas contrarias á Lei Sinde en todo o espectro ideolóxico. Pedímosche que defendas a liberdade na rede co teu voto, non apoiando a aqueles que cos seus actos fixéronse claramente merecedores dun voto de castigo.


O próximo 22 de maio, NON OS VOTES.

---------

Contido orixinal: http://www.nolesvotes.com
Hashtag en twitter: #nolesvotes


(Texto en galego collido de http://mskina.blogspot.com/2011/02/nos-os-votes-botaos.html)


1 comentario:

Curioso Impertinente » #15m dixo...

[...] a min mesmo ao comprobar que foi o 23 de febreiro cando neste mesmo blog se falaba do movemento [...]